O parque forestal do Vixiador pertence á comunidade de montes da parroquia de Candeán.
O Vixiador conforma un entorno privilexiado e de gran valor ambiental.
Situado ao norte do val Fragoso, en Vigo, ten unha superficie
de 184.878 m2 e está repoboado de carballos americanos, bidueiros, secuoias, cerdeiras e castiñeiros. Tamén hai pés illados de amieiros, acivros, érbedos, choupos e buxos.
O Monte do Vixiador atópase a 400 m de altitude, desde onde se poden contemplar unhas magníficas vistas do val da Louriña, os montes de Portugal, a serra do Suído e a ría de Vigo.
O parque é ideal para pasar un día de lecer, xa que conta con numerosas fontes de auga potable, asadeiros e mesas.
Imprescindible para os amantes da natureza e da micoloxía, para facer rutas a pé e realizar fotografías.
A isto engádese o seu valor arqueolóxico. No parque destacan dúas mámoas pertencentes á Cultura Megalítica (IV a II milenio a.C.) que, xunto con outros dolmens e mámoas, constitúen un cinto de enterramentos tumulares nos lindeiros dos concellos de Vigo e Redondela.
É unha das concentracións arqueolóxicas máis importantes de Galicia.